Da masticación dos mortos nas tumbas. Michaël Ranf

«La nature entiere est pleine de pouvoirs cachés»

(A natureza enteira esta repleta de poderes ocultos).

Michaël Ranft

Veño de rematar este pequerrecho, que dende logo non debe ser xulgado por tamaño e si por densidade.

Ranft é moi claro e conciso na súa disertación e análise do fénomeno cadavérico da masticación dos mortos nas túmbas e as mortes e pestes asociadas a eles. Ás veces demasiado escueto, pero compensao aportando interesantes fontes e referencias.

O tema do tratado non é orixinal pois xa fora estudado por Rohr e por Garmand previamente. (Ogallá atope as súas obras a bon prezo algún día) Máis había poñerse de moda de novo en 1725 por un caso de mastigación con exhumación e execución dun cadáver en Hungria.

Ó longo do texto exploranse diferentes crenzas e fenómenos físicos e máxicos sobre os cadáveres: a incorruptibilidade, a cruentación cadavérica (da que falarei no blog en breve), o crecemento do pelo e das unllas tralo deceso, a ausencia de nariz en cadaveres incorruptos, a aparición do defunto nos soños dos achegados, e a propagación da peste por mor destes «non mortos».

Conclúe Ranft, que a imaxinación ten algo que ver: Os achegados do defunto, morto repentinamente, por culpabilidade ou medo non deixan de pensar nel e na súa sorte, soñan con el, e chegan a tal estado de suxestión que eles rematan por fenecer.

Pero que é a imaxinación? Pois a «pantasia» ou «alucinación», auxiliar necesario e imprescindible da maxia.

E Maxia? Pois en palabras do autor: Aquilo que escapa á intervención do home, como a atracción magnética do ferro, mira á Maxia Natural; aquilo suscitado polas técnicas ocultas dos homes, e por medio da cooperación coa Natureza, recibe o nome de Maxia Artificial, aínda que ela sexa no fondo natural.

A imaxinación é imprescindible nas operacións máxicas, e tanto é así, que as bruxas (sorcieres), nas súas prácticas ocultas servense de herbas máxicas que teñen o poder de excitar a imaxinación. E se tan poderosa é, non será capaz ela soa de trastornar ós vivos?

Pero como di Ranft, quen queira aprender dos numerosos efectos da imaxinación que busque a obra de Westphal titulada Patoloxia Demoniaca (Patologie Démoniaque).