O sangue materno II: A candeloria

O Sangue Materno: a Candelaria.

O 2 de febreiro a cristiandade celebra a Candeloria, a festa da luz, en conmemoración dunha pasaxe evanxélica algo esquecida hoxe en día: a presentación do neno Xesús no templo, e a purificación de María tralo período de puerperio (o tempo que necesita o corpo para recuperarse do esforzo do parto e no que aínda existe un fluxo de sangue derivado del).

Segundo as leis xudias as mulleres menstruantes, ó estar en contacto co sangue, e as paridas (polo mesmo motivo) debían manterse afastadas dos varóns, xa que atravesaban un periodo de impureza no que todo o ue tocaban e rozaban era tamén impuro (Lev, 15). Unha vez transcorrido este periodo de “impureza”, a muller debía acudir ó templo e ofrecer en sacrificio un cordeiro ou dúas rulas.

Como explicamos no artigo anterior, María pariu sen esforzo, sen dor, e sen sangue mais como observante das leis xudias acudiu igualmente ó templo para ofrecer o sacrificio a Deus e ser así declarada legalmente pura. Ó mesmo tempo, aprobeitaron a visita ó templo para cumplir tamén coa lei que dicía: “todo varón primoxénito será consagrado ó Señor”.

A aversión dos xudios polo sangue (da igual a súa orixe), atopa explicación no Levítico:

“a vida da carne é o sangue, e Eu mandeivos poñela sobre o altar para a expiación das vosas almas, o sangue expía en lugar da vida” (Lev, 17)

No sangue, a alma atopa o seu fogar e inunda así todo o corpo, por iso no libro da Xénese, Yaveh reclámalle a Caín:

“[Caín] Qué fixeches? – dixo Él – a voz do sangue de teu irmán está clamando por min dende a Terra”

Na arte, esta escena bíblica representase xeralmente coa Sagrada Familia ofrecendo o Neno ó sacerdote, ou ascendendo as escaleiras do Templo. Nada existe entre a Natividade e a Purificación de María que nos diga como era ese período de recuperación e illamento, para iso debemos acudir a outros relatos, épocas e incluso tradicións, xa que o descanso e illamento materno parece unha práctica compartita ó redor de todo o orbe, e non exclusiva tradición semita.

Así, na medicina China, considerase que a xestación non remata no noveno mes de embarazo, se nón no décimo. Este décimo mes, periodo que denominan Zuo yuezi, adicase ó coidado materno, ó descanso, e nutrición da muller, quen debe ter como único obxetivo recuperar forzas. A muller non debe facer exercicio, traballar, ou incluso chorar.

Die Wochenstube (a habitación para a semana). Daniel Nikolaus Chodowiecki

O sangue materno na arte (I): a Natividade e as natividades.

A Natividade é unha das escenas máis fácilmente recoñecibles (a parte do clico da Paixón) e foi construída a partir dos relatos dos Evanxeos Canónicos, pero sobretodo de APÓCRIFOS. Precisamente no apócrifo do Pseudo Mateo, dúas parteiras testemuñan que María pare sen dor, que o recén nacido non presenta restos de sangue e que María (logo dunha palpatoria) continúa sendo virxe.

Esta ausencia de dor na parideira María é un signo da súa Gracia (ou Santidade), da súa pureza, pois ela non só concibe sen pecado (permance virxe) senon que foi concebida sen pecado, e naceu sen Pecado Orixinal. Sobre a Virxe María non pesa a mancha de Eva, a quen Deus, ó expulsala do Paraíso, lle dixo: “multiplicarei os traballos das túas preñeces, parirás con dor ós teus fillos, e buscarás ardentemente ó teu marido, que te dominará” [Gen 3, 16-17].

Lembremos que segundo a Biblia, o Pecado Orixinal foi a porta de entrada da corrupción ó mundo: a morte, a enfermidade, o suor, o traballo, a dor e a vellez. María, inmaculada (nacida sen pecado Orixinal), esta libre de toda corrupción, por iso na Pietá de Miguel Anxo é unha cuasi adolescente que sostén o corpo do crucificado, e por iso a cor cerúlea e cadavérica de María na Durmición da Virxe de Caraviggio impactou tanto.

É por isto que na Historia da Arte non atopamos representacións dos traballos de parto de María, non poden existir, por que de existir estaríamos insinuando que Cristo naceu dun corpo impuro e que María, en contra do que di o Anxo da Anunciación, non é “gratia plena” (santa).

Iso si, existen outras representacións de nacementos, como a de Xeremías, ou o de San Xoan bautista, que foron construídas exquisitamente ó redor do mundo feminino, e ónde a habitación da parideira aparece como un lugar público, con mulleres que van e veñen ocupadas nas tarefas que rodean ó parto, e que, aínda sen sangue, fluidos ou signos de dor, transmiten o nerviosimismo e esforzo que supón ese momento. Escenas podemos atopar nas Cantigas de Santa María, nas obras de Girlandaio e Tintoreto, e que chegaron incluso ás pantallas do cinema e o televisor, con mulleres que corren con sábas e auga fervida, subindo e baixando escaleiras ata que se escoitan os choros do recén nacido …

Natividade de San Xoán Bautista. Tintoretto. 1554