Carpideiras con labor de psicopompo. Un discurso en contra.

Psicopompo é unha palabra grega composta por psico (alma) e pompos (guía) coa que se designa a unha serie de seres que teñen como misión guiar ás almas ó outro mundo ou no outro mundo.

O máis coñecido destes seres é Caronte, o Barqueiro que axuda a cruzar a Estixia e acadar o Hades por un módico prezo, pero tamén Hermes exerce como guía das almas xa que pode entrar e sair do Inframundo a vontade, e xa que é guía tamén dos viaxeiros en vida. As valkirias guiaban ó valhalla as almas dos mortos en batalla, e a imaxe do inframundo taoista-confucianista atopamos uns anónimos funcionarios do reino das sombras que dirixen reas de almas tralos seus estandartes (coma os guías turisticos co paraugas amarelo de hoxe en día).

Os animais, cuasi divinos na antiguidade, tamén foron considerados psicopompos, ás veces pola seu valor como medio transporte (cabalos), outras veces pola súa capacidade de visión nocturna ou de voo (Curuxas, mouchos, cans, …), ou pola súa proximidade ós defuntos (os corvos de Odin, os chacais de Anubis, …).

É dicir: un psicopompo é un guia no tránsito ó inframundo, e ou ben ten a capacidade de moverse entre este e o Alén, ou ben coñece con detalle a topografía do Hades.

Ás veces, ó analizar, estudar e diseccionar ritos funerarios sentimonos tentados a atribuille a tal personaxe ou tal outra unha labor psicopompica dentro da cerimonia, este é o caso das carpideiras ou choradeiras, que aparecen así definidas por abondos antropologos e estudosos da morte. Máis cabe preguntarse por que lle atribuen esta faceta, e se non sera máis ben un intento por encaixar a súa presenza nun discurso narrativo coherente.

Por que había de de ter só a carpideira unha función de psicopompo e non a encargada de dirixir o rosario durante o velorio? Non é o oficiante de todo rito funerario entón un psicopompo terreal, xa que a fin da súa labor é asegurar o bo tránsito e descanso da alma?

A resposta debe estar entón no tipo de cánticos e prantos que estas mulleres realizan, máis en Galicia non temos (que eu saiba de momento) rexistro algún das súas composicións, polo que para entender o oficio teremos que utilizar exemplos semellantes doutros ámbitos culturais.

O exemplo máis próximo que temos é o da Illa de Mani (Grecia), onde o ritual funerario segue incluíndo o pago do óbolo a Caronte e a contratación de choradeiras profesionais. Estas mulleres non só demostran con prantos esaxerados e berros a pena pola morte do defunto, se non que tamén fan composicións improvisadas sobre a súa vida, o seu prestixio e os seus desprestixios. As devanditas composicións coñecense como moirologias (composicións dos destinos).

Existen varios tipos de moirologia, pero os principais son dous:

– Emocionais: esaxeran e falar da rotura da familia, do vinculo matrimonial, da horfandade dos fillos. Lembrna ó lamento de Andromaca ante o corpo de Hector.

– Retrato postumo: narración dos eventos da vida do falecido (tanto bos como malos actos).

– Perplexidade ante a morte repentina

Aínda que as temáticas son variadas, parece que os cantos e prantos estan máis vencellados á unha despedida emocional, a un lamento pola perda, e a unha loubanza da vida do defunto, que a construirse como unha guía da alma no máis alá. Non hai nada nas composicións recollidas en Mani que poidan dar a entender que estas recitacións improvisadas guién á alma ó Alén. Noutros casos parecen dirixirse directamente a Caronte ou ós Santos, como prerrogativas para que sexa a alma acollida no Outro Mundo.

Eu non son capaz de afirmar que as Carpideiras de Mani teñan unha labor psicopompica, nin sequera cando se dirixen ó propio Caronte. Simplemente son un elemento máis de todo un ritual para asegurar o tránsito ó Alén, máis non no Alén. Invocan a Caronte ou á Virxe para que terme desa alma, apelan ós psicopompoi metafísicos.

Centos de anos antes, na mítica Ilión, o espirito de Patroclo fálalle a Aquiles: «ti coidabas de min mentras vivía e agora que morrín abandoasme. Entérrame canto antes para que poida pasar as portas do Orco. Pois as almas, que son imaxes dos defuntos, non me recoñecen e non me permiten pasar o río e xuntarme con elas. deste xeito ando vagando polo arredores do Palacio, de anchas portas, de Plutón.»

O mal que apena a Patroclo non é carecer de guía, se non que non foi chorado, non o declararon morto socialmente nin tampouco aínda nos seus corazóns, por iso as almas que pululan polo Hades non o recoñecen.

É a esta función tan elemental e tan básica do ritual funerario á q ue responden os cantos, prantos, choros, e lesións das carpideiras: deben deixar claro a súa perda, o esvaecemento do individuo no Máis Acó, de maneira que sexa recoñecido no Alén.

___________________________________________________________

– Fillas de Demeter Compañeiras de Perséfone. Unha análise comparativa da performance ritual feminina en lamentos gregos modernos: https://www.academia.edu/…/Filhas_de_Dem%C3%A9ter…

– Un exemplo de moiroloogia grega: https://www.youtube.com/watch?v=JJYTeOfRWiw…

– As palabras do destino (Moirologia do Aviador Inglés): https://codigopublico.com/…/moirologia-o-las-palabras…/